Friday 29 de March de 2024

Inés Rey comprometeuse a establecer unha comunicación fluída coa Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores y Usuarios


 

A alcaldesa resaltou a importante labor social e de integración que leva a cabo a entidade na cidade dende hai 54 anos

Na mañá deste mércores a rexedora Inés Rey reuniuse con representantes da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores y Usuarios para establecer as posibles vías participativas e de colaboración da entidade co Goberno local co obxectivo de manter entre ambos un contacto fluído de cara a solucionar as principais demandas da veciñanza da Coruña.

No encontro, as representantes veciñais falaron con Rey sobre temas xerais como a visible mellora da limpeza viaria da cidade e a necesidade dun reforzo no servizo de recollida de residuos na zona centro da cidade, limpeza de pintadas ou o botellón. A alcaldesa avanzou a intención de estudar programas que incidirán no coidado do espazo público coma a racionalización dos horarios do servizo de recollida de residuos, a realización de concursos de murais ou a programación de actividades que dean alternativas de ocio aos máis mozos.

A rexedora agradeceu a importante labor que leva a cabo a entidade a través das diferentes accións formativas e divulgativas, como a escola de corte e confección, de empoderamento ou o grupo de teatro.

A presidenta da entidade, Rosa Otero, destacou a actitude de cooperación da alcaldesa e da concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, e agasallouna cun libro do 50 aniversario da asociación e cun do Congreso de Juventud y Nuevos Retos. A presidenta da asociación convidou a Inés Rey ao acto de inauguración do curso escolar das diferentes actividades que se imparten na asociación e aos actos do Día da amistade.